31/07/2026
🎓 A Facultade de Bioloxía celebra a graduación da XIV promoción do Grao en Bioloxía
O pasado 6 de xuño, o Teatro Compostela acolleu o acto de graduación da XIV promoción do Grao en Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, nunha xornada chea de emoción, recoñecemento e celebración compartida coas familias, amizades e profesorado.
A cerimonia estivo presidida polo vicerreitor de Profesorado e Innovación Docente da USC, Pablo Taboada Antelo, acompañado polo decano da Facultade de Bioloxía, Jesús López Romalde; a madriña da promoción, a profesora Victoria González González; o padriño da promoción, o profesor Jaime Gómez Márquez; e o representante do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA), Pablo Fernandes Alonso.
Durante o acto interviñeron en representación do estudantado graduado Lucía Cascudo Fernández, Jorge López de León e Iago Martínez Fernández, que compartiron lembranzas da súa etapa universitaria e agradeceron o apoio recibido ao longo destes anos. A continuación, a madriña e o padriño da promoción dedicaron unhas palabras ás novas persoas graduadas antes da entrega das distincións académicas.
A celebración contou tamén coa intervención do representante do COBGA e do decano da Facultade, rematando coa clausura a cargo do vicerreitor.
Desde a Facultade de Bioloxía queremos trasladar os nosos máis sinceros parabéns a todas as persoas graduadas e desexarlles moito éxito nesta nova etapa persoal e profesional.
Parabéns á XIV promoción do Grao en Bioloxía! 🎉🔬🧬
🎓