24/09/2026
🐝 Como de resiliente é a apicultura galega ante os cambios e ameazas aos que se enfronta?
Esta é a cuestión central da tese de doutoramento de Mariam Ferreira, titulada O sistema socioecolóxico apícola de Galicia: descrición, caracterización e análise da resiliencia, e dirixida por Ana Isabel García Arias e Emilio R. Díaz Varela.
A investigación analiza a apicultura galega desde a perspectiva dos sistemas socioecolóxicos, integrando os factores ambientais, sociais e económicos que interactúan nesta actividade.
🔎 O traballo describe e caracteriza por primeira vez o sistema socioecolóxico apícola de Galicia e identifica os principais factores que condicionan a súa resiliencia. Entre eles están a perda de colonias, a dispoñibilidade e calidade da forraxe, os patóxenos e parasitos, a rendibilidade da actividade, a organización das persoas apicultoras e o patrimonio material e inmaterial ligado á apicultura.
Un dos resultados da tese é a constatación do papel relevante das propias persoas apicultoras, que poden influír directa ou indirectamente nestes factores e, polo tanto, favorecer a adaptación e resiliencia do sistema.
📌 A partir da análise, Mariam Ferreira formula 22 recomendacións para contribuír ao mantemento e á mellora da resiliencia socioecolóxica da apicultura galega.
🐝🌼 Unha investigación que achega coñecemento para comprender mellor a complexidade da apicultura en Galicia e afrontar os retos da súa conservación e adaptación.
Máis información:
https://www.usc.gal/gl/investigar-na-usc/grupos/ecoagrasoc/novas/mariam-ferreira-analiza-resiliencia-sistema-socioecoloxico-apicola-galicia-sua-tese-doutoramento