27/03/2026
Hoxe queremos compartir outro dos traballos nos que estivemos inmersos nos últimos meses: Entroido na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês–Xurés (RBTGX). Un patrimonio a preservar.
Trátase dun proxecto desenvolto para a Deputación de Ourense co obxectivo de documentar, divulgar e valorizar os entroidos rurais tradicionais que se celebran na actualidade en diferentes localidades galegas e portuguesas da Reserva, ao tempo que se contribuíu á preservación da memoria social destas celebracións no pasado recente.
O traballo abordouse desde unha perspectiva propia da antropoloxía social, combinando revisión bibliográfica e documental, traballo de campo durante os entroidos e entrevistas etnográficas a participantes, organizadores e outras persoas vinculadas a estas prácticas festivas.
De maneira complementaria, realizáronse máis de trinta entrevistas a persoas maiores centradas nas súas vivencias e lembranzas do entroido, co fin de contribuír á salvagarda de saberes, experiencias e significados en proceso de desaparición.
Como resultado deste proceso elaborouse unha publicación en formato libro e unha serie de vídeos de entrevistas, reforzando así a dimensión documental e divulgativa do proxecto.
Un traballo arredor do patrimonio cultural inmaterial, a memoria e a identidade dun territorio de enorme riqueza.
Queremos agradecer de maneira moi especial a todas as persoas que nos axudaron ao longo do proceso, abríndonos as portas, compartindo o seu tempo, os seus recordos e os seus coñecementos. Sen esa xenerosidade, este traballo non sería posible.